
O interese de “Amada García e os seus arredores” é moito máis que este indispensable exercicio de distinción entre a literatura (a muller que matan por bordar unha bandeira e por resistirse ás pretensións amorosas dun falanxista) e a complexidade do relato histórico do sucedido, da historia real de Amadita, unha militante comunista e sindical que loita pola defensa dos dereitos cívicos, que participa a favor da legalidade republicana cando o golpe, que, en fin, adopta un rol público alonxado do que acostumaban xogar as mulleres da época; porque este libro tamén ten unha compoñente didáctica, dende a introdución, na que o autor reflexiona sobre “historiografía, literatura, memoria (s), algunhas utilidades e porqués”, ata o exhaustivo apéndice no que reproduce a documentación da causa militar, fotografías, publicacións societarias e outros escritos.
E, entre ambos, a exemplificación práctica, o contexto histórico, social, político... no que se producen os feitos vai marcando a vida de Amada: a 2ª República e as súas etapas, o papel das mulleres naquel período e o retroceso en dereitos logo do golpe militar, a conspiración e o golpe nas terras do Ferrol, a dinámica represora, etc.
Esta contextualización no tempo e no espazo, permítenos abordar, dende a historia, a figura de Amada García, fusilada no castelo de san Felipe en xaneiro de 1938, cando tiña 28 anos e semanas despois de nacer Gabrieliño, o seu segundo fillo.
Libro de obrigada lectura e que recomendamos dende esta páxina.