Quantcast
Channel: Pontevedra nos anos do medo
Viewing all articles
Browse latest Browse all 229

Dentistas rusos: as familias Zbarsky e Kuper.

$
0
0

O vintenove deste mes de decembro cúmprense 78 anos do asasinato do dentista ruso, aveciñado en Pontevedra, Abraham Zbarsky. Noutras entradas temos falado das familias Zbarsky e Kuper e hoxe centrarémonos nalgúns aspectos descoñecidos relacionados coa actividade profesional dalgúns dos seus membros. Aparte da escaseza de documentación, unha das maiores dificultades para o estudo destas familias vén dada pola variabilidade nos nomes que utilizan, que induce a erros nalgunhas das poucas publicacións que se refiren a eles; así, por exemplo, a muller de Abraham aparece denominada, segundo os autores, como Sofía, Sonia (variante rusa do anterior nome) ou incluso Elisa, que realmente era o nome dunha irmá dela. A ascendencia xudía e rusa das familias complica a situación, polas diferentes posibilidades de transliteración no paso ao alfabeto latino.
O proceso burocrático de legalización dos títulos académicos e a obtención das autorizacións para exercer a profesión supuxeron un cúmulo de dificultades. Detrás dos atrancos estaban a férrea oposición dos colexios médicos e de odontólogos, que vían na chegada dos profesionais estranxeiros unha forte competencia, así como a existencia dunha trama de falsificación de títulos académicos e a desconfianza das autoridades cos inmigrantes procedentes de Rusia, polo temor de que fosen axentes encubertos do bolchevismo. Nesta loita os dous bandos xogaron todas as bazas, e non sempre limpas.
O 29 de xullo de 1917, o médico odontólogo Manuel Filgueira publica no xornal Progreso unha carta dirixida ao presidente do colexio de médicos na que lle pide que tome medidas contra o intrusismo:
 ¿Es igualmente legal una autorización concedida a un título ruso que posee un tal Liloimo Mendelecrek Kuper el cual ejerce en esta ciudad de Vigo, Príncipe 67, al decir de las gentes en compañía de un marqués y que según dicha autorización puede ejercer en España como médico cirujano dentista?
 O doutor Filgueira refírese a Schloimo Mendelewitch Kuper, máis coñecido por Simeón Kuper, que tamén aparece nalgúns textos como Victorino Kuper; a variedade de nomes que recibe esta persoa, cuñado de Abraham Zbasrky, suscita sospeitas entre os seus colegas vigueses. Simeón Kuper deféndese de quen sospeitaba do seu título afirmando que estudara nas universidades de Kiev e de Xenebra e que, ademais, cursara a carreira de leis. No ano 1922 aínda ten pendente unha resolución sobre o título, polo que se apraza a orde de suspensión do exercicio como dentista ata coñecer o resultado desas averiguacións. Por se acaso, en 1925 consegue nacionalizarse español.
Avrun Kiva Elewitch Zbarsky Geller [Abraham Zbarsky] exerce en Pontevedra dende o ano 1925, con autorización do ministerio de Instrucción Pública. Será no ano 1931 cando comece unha ofensiva contra el por parte dos colexiados pontevedreses, encabezados por Celso López Blanco e Luis Fontaíña. Celso López fora candidato monárquico no 1931, asinante do manifesto de Unión Regional de Derechas (URD); falanxista logo do golpe, chegaría a ser nomeado secretario provincial da sección sanitaria de FET. Luis Fontaíña foi dirixente do Partido Radical, deputado nas eleccións de 1933, presidente da Deputación e sumouse aos golpistas no 36. Estes dous dirixentes do colexio de odontólogos solicitan aclaración sobre a duración da licencia de Zbarsky, pois nela non consta límite, a diferenza do que ocorría noutros casos semellantes. Abraham deféndese cunha carta aos compañeiros dentistas coa intención de que se
 percate de los procedimientos que contra mi se siguen por parte de los señores Fontaíña y Blanco. Vengo trabajando profesionalmente en esta capital desde el año 1925 sin que se haya producido contra mi queja alguna, y he guardado siempre cordiales relaciones con todos los compañeros odontólogos, a los que respecto y considero. De ellos he recibido en todo momento pruebas de afecto, por lo que les estoy reconocido.
 Lembra que ten autorización do goberno, concedida o 23-6-1925, previo informe favorable do Consejo de Instrucción Pública, “sin fijación ni limitación de tiempo”.
O Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, que abrira un expediente informativo, resolve (4-8-1931) que a autorización é temporal, pero, considerando todo un complexo de circunstancias, e para non causar prexuízos irreparables ao señor Zbarsky, baseándose en razóns de“equidad y humanos principios de hospitalidad”, xa que non está en condicións de volver á súa patria nin de retirarse, fixa un novo prazo de validez de cinco anos a partir da data da resolución. Como o seu cuñado Simeón, Abraham solicitara nacionalizarse español en 1939, pero, a pesar de acompañar a instancia con recomendacións de diversas entidades, entre elas a Unión Patriótica de Primo de Rivera, non lle conceden a nacionalidade.
A muller de Abraham, Scheiva [Cheiva, Schiva] Mendeleva Kuper, usualmente coñecida por Sofía Kuper, era médico dentista licenciada na universidade de Novorossiski e tiña autorización, concedida en 1923, para exercer por cinco anos. Tiña clínica no número 50 da rúa Velázquez Moreno de Vigo. O 6 de febreiro de 1927 resulta elixida para o cargo de Contador do Colexio de Odontólogos, nunhas eleccións nas que a súa irmá Elisa obtivera a posición de Tesoureiro. Aparece nas relacións de dentistas autorizados ata o ano 1928, cando remata o permiso e deixa de exercer; na década dos trinta aparece como socia da mutualidade benéfica de clases sanitarias.
Un fillo de Abraham e de Sofía, Elías Zbarsky Kuper, establecido en Ferrol, tamén terá problemas, en 1933, co colexio de odontólogos daquela cidade, neste caso, por romper o acordo de non prestar servizos ao Exército; os compañeiros repudian o seu comportamento e piden que sexa sancionado. O outro fillo, Jacobo, tamén figura como dentista no ano 36; exercía en Vigo, na mesma clínica que o seu tío Simeón. Foi fusilado en Pontevedra.

Viewing all articles
Browse latest Browse all 229

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú