
Semanas despois, coa declaración de guerra contra Alemaña, preséntanse dúas alternativas: apuntarse na Lexión Estranxeira francesa ou ingresar nas militarizadas Compañías de Traballadores Españois. Moitos foron capturados polos alemáns e internados en Stalags (campos de prisioneiros). Coa invasión alemá de Francia e a instauración do goberno colaboracionista do profranquista Petain, a situación foi a peor: o común acordo entre alemáns, franceses colaboracionistas e o goberno de Franco conlevará o traslado a campos de concentración alemáns. Algúns lograron integrarse na resistencia francesa pero cando caían prisioneiros tamén eran enviados aos campos.
Mauthausen e Gusen (un dos seus subcampos), ubicados en Austria, foron o lugar de martirio da maioría de españois baixo o réxime de terror das SS e os seus kapos(presos de confianza).
O recibimento en Mauthausen non puido ser peor: un capitán nazi lembroulles que nunca volverían saír pola porta, a única saída era pola cheminea que botaba o fume negro procedente da queima dos cadáveres. Alí recibiron o uniforme de raias azuis cun triángulo invertido dentro do que estaba bordado un S (de spanier, español).
Fusilamentos, suicidios, malleiras, temperaturas extremas, traballos extenuantes nas canteiras, fame, asasinatos por inxección de gasolina nas veas ou directamente no corazón, cámaras de gas, experimentos médicos atroces...e todos os tormentos imaxinables.
Que pouco se fala do sufrimento dos españois nos campos de concentración alemáns! Moito máis grande é o silencio sobre as mulleres republicanas, moitas loitadoras na resistencia francesa, cun papel determinante sobre todo en labores de información, propaganda, transportes de armas e sabotaxes. Detidas, torturadas salvaxemente nos interrogatorios da Gestapo e conducidas ao campo de exterminio de Ravensbrück; alí, nas mans da sección feminina das SS, sufriron todo tipo de penalidades, entre elas os experimentos médicos de esterilización mediante a inxección de produtos químicos no útero. As sobreviventes do horror tiveron que convivir o resto dos seus días cos traumas psicolóxicos e físicos xerados no cautiverio.
Lembramos hoxe a dous veciños da capital pontevedresa que toparon a morte en Gusen. Pouco sabemos das súas vidas e ignoramos cal foi o proceso que os levou a Francia. Urbano Sanmartín Abilleira nacera en Mourente o 15 de marzo de 1902; Nun primeiro momento estivo internado no Stalag XII-D, ou sexa, un campo de traballos forzados para prisioneiros de guerra, situado en Trèves (Francia), o seu número de prisioneiro era o 57132. O 25 de xaneiro de 1941 foi deportado a Mauthausen, alí recibiu o número 3508. Faleceu o 24 de novembro de 1941. Manuel Coto Martínez era de Marcón onde nacera o 11 de decembro de 1912. estivo preso no Stalag XI-B de Fallingbostel, na Baixa Saxonia, tiña o número de prisioneiro 87568; foi trasladado a Mauthausen o 27 de xaneiro de 1941 e recibiu o número 5123. Faleceu en Gusen o dous de xuño de 1942 (algunhas fontes indican que foi no 1943).